Nos últimos días puxéronse de novo en funcionamento os tres Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) que hai no concello de Guitiriz. Estes centros, localizados diante da Garda Civil, na rúa Tralouteiro (aparcamento público) e na Avenida da Paz (en Parga), teñen como obxectivo que a veciñanza que vive en vivendas sen finca, poida separar para reciclar a materia orgánica, depositala nos composteiros comunitarios e unha vez conseguido o abono, poder desfrutar deles para as plantas ou a horta.
Nas últimas semanas, persoal contratado polo Concello, visitou os pisos do municipio coa intención de promover esta campaña de reciclaxe e intentar sumar persoas para esta iniciativa. Aquelas persoas que desexen participar na campaña poden pasar polo concello a inscribirse e, ademais, recibirán un caldeiro para a separación da orgánica, un díptico informativo sobre o funcionamento dos CCC e unha bolsa de tea para facer unha compra mais sostible.
Compre recordar que en caso de participar o funcionamento é fácil. Unicamente hai que separar os restos orgánicos na casa e levalos ao CCC que estea máis preto á túa vivenda. Hai que depositar os residuos sen ningún tipo de envase nin bolsa (unicamente é admitida a bolsa compostable), no único módulo aberto dos tres en liña que hai. Unha vez depositados os residuos é importante tapalos co materia vexetal que encontraredes no módulo solitario e perpendicular. O proceso estará supervisado por persoal do concello debidamente formado, que se encargará do seu mantemento e do correcto funcionamento de todo o proceso.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “este proxecto é importante a nivel medioambiental e económico para o Concello, xa que así evitamos a incineración da materia orgánica e facemos a reciclaxe no punto de orixe da produción do residuo”. “Tamén diminuímos os costes ambientais e económicos da recollida, transporte e tratamento deste tipo de residuo”, engadiu.
0 Comments
Leave A Comment