O Concello de Guitiriz presenta un proxecto valorado en 363.191,70 euros para realizar unha serie de actuacións encamiñadas a dixitalizar todo o proceso que compón o ciclo da auga potable.
Faino de forma conxunta cos concellos de As Pontes, Valdoviño, Cee e Gondomar, tras constituírse como unha agrupación de entidades e presentar unha solicitude para as subvencións a proxectos de mellora e eficiencia do ciclo urbano da auga no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE) de dixitalización do ciclo da agua, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
O orzamento total da axuda solicitada entre as cinco entidades locais ascende a 2.047.864 euros e, de xeito conxunto, inclúe tres liñas de actuación: a planificación do ciclo da agua, a implementación de accións de mellora da eficiencia e dixitalización e a posta en marcha de sistemas de comunicación e información coas persoas usuarias finais”.
No caso concreto de Guitiriz a actuación prevista, valorada en 363.191,70 euros, permitirá, entre outros obxectivos, rexistrar a cantidade e calidade da auga potable así como monitorizar as variables asociadas ao consumo enerxético, mellorando a eficiencia no gasto e reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro. Tamén se establece como meta reducir as perdas de auga nos sistemas da auga potable, controlando parámetros de caudal, presión e outras variables físicas e incorporando sistemas de localización precisa de fugas; asegurar a calidade da auga fornecida á poboación e aos usuarios finais, mediante a monitorización en liña e en tempo real de parámetros de calidade da auga, tanto de carácter fisicoquímico como microbiológico.
Algunhas das actuacións que levará a cabo o Concello de Guitiriz a través deste proxecto son: elaboración dun plan de emerxencia ante situación de seca; estudo para o diagnóstico do control e xestión das fugas estruturais; modelización cartográfica e núumérica das redes e sistemas de abastecemento e saneamento de todo o ciclo urbano; dixitalización en captación; dixitalización da ETAP e depósitos; instalación de contadores con telectura nas vivendas; dixitalización en EDAR; dixitalización en punto de vertido e desenvolvemento dunha plataforma dixital para a monitorización e xestión integral do ciclo urbano da auga.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca “que este é un proxecto estratéxico e unha gran oportunidade para poder modernizar este servizo esencial, logrando unha xestión avanzanda, rigorosa e eficiente de todo o ciclo da auga”.
0 Comments
Leave A Comment