O Concello de Guitiriz critica a decisión do Sergas de pechar o consultorio de Parga nos meses de xullo, agosto e setembro e reclamará que durante este período se cubran as vacacións do persoal, como ocorre noutros centros de saúde e en calquera servizo público.
Desde o goberno local amosan o seu malestar con que a Consellería de Sanidade tomase esta decisión sen dar ningún tipo de aviso nin explicación ao Concello, tendo en conta, ademais, que é algo que tamén afecta directamente aos propios facultativos. Esta situación xa ocorreu no pasado e volve a repetirse a escasos días do comezo do mes de xullo, notificándose o seu peche desde o día 1 do devandito mes e ata o próximo 30 de setembro.
Ademais, o goberno local non entende nin comparte a maneira de xestionar esta decisión por parte do Sergas, que a día de hoxe nin sequera remitiu unha notificación oficial ao Concello sobre o peche do consultorio, a pesar de que hai servizos, como o de limpeza, que corren a conta da administración local.
O Concello trasladará unha petición formal para que se deixe, polo menos, un médico por día no Centro de Saúde que poida atender á veciñanza de Parga e arredores.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinala que “a decisión do Sergas supón un deterioro claro do servizo e unha clara discriminación para a veciñanza do rural, que tamén ten dereito a unha sanidade pública e de calidade, independentemente da época do ano”.
“Non se pode entender que se deixe sen cobertura sanitaria a zonas enteiras durante tres meses, obrigando á veciñanza a desprazarse a outros centros, co que iso supón para persoas maiores, con mobilidade reducida ou sen medios de transporte”, indica a rexedora.
“Desde o Concello imos reclamar ao Sergas que rectifique esta decisión e que, como mínimo, garanta a presenza diaria dun facultativo no consultorio de Parga. Non imos quedar calados mentres se recortan dereitos esenciais á nosa veciñanza, xa que a sanidade non pode entenderse como un servizo de tempada”, subliña.
Morandeira comenta tamén que “esta situación repercute negativamente na saúde dos propios facultativos do centro, que son vítimas dunha mala xestión que lles afecta a varios niveis e mesmo pode comprometer o seu benestar físico e mental”.
Neste contexto, o Concello lembra ademais que un dos profesionais do centro ten previsto xubilarse o próximo 16 de xullo, sen que, ata o momento, o Sergas comunicase se esa praza será cuberta, o que agrava aínda máis a situación.
0 Comments
Leave A Comment