O domingo 30 de marzo dará comezo a sétima edición do ‘Guitiriz en Ruta’, o programa municipal de sendeirismo do Concello de Guitiriz. A primeira das oito saídas que contempla o programa deste 2025 é a Ruta do Muíño da Ruxida.
A andaina é circular, con saída e chegada na Modia, na parroquia de Vilar. Dará comezo a partir das 10:00 horas e conta cunha extensión aproximada de 12 quilómetros polos montes das parroquias de Vilar, As Negradas e Parga, atravesando tamén un anaco do Camiño Norte de Santiago. Nesta saída de dificultade baixa visitarase a fervenza do Muíño da Ruxida, moi caudalosa logo das chuvias do inverno.
As inscricións estarán abertas ata este xoves, 27 de marzo, ás 15:00 horas. Poderanse formalizar de xeito presencial na Casa do Concello ou por teléfono, chamando ao 982 370 109. Neste caso, ao tratarse dunha saída polo Concello, as inscricións son completamente gratuítas.
A andaina está aberta a un público en xeral, aínda que os menores terán que ir acompañados dunha persoa adulta. Tendo en conta o percorrido e as previsións climatolóxicas, recoméndase levar bo calzado para a auga, xa que o terreo está parcialmente anegado, así como roupa de abrigo e prendas como chuvasqueiros, xa que hai previsión de algo de chuvia.
0 Comments
Leave A Comment