O Concello de Guitiriz abrirá o próximo luns, 12 de maio, ás 8:30 horas o prazo de inscrición para anotarse nos campamentos municipais de verán do mes de xullo.

A actividade está dirixida a rapaces e rapazas nados entre os anos 2009 e 2017 (ambos incluídos) e levarase a cabo do 7 ao 11 de xullo. Haberá unha visita ao Aquapark de Cerceda (11 de xullo) e ao Parque Multiaventura Galipark en Padrón (do 7 ao 11 de xullo), con todo incluído durante os catro días de estancia: actividades, monitores especializados, todas as comidas, pícnic para o parque acuático e durmida catro noites.

As persoas interesadas poderán apuntarse ata o 30 de maio, con preferencia para empadroados/as. As inscricións realizaranse de forma presencial no Rexistro ou a través da sede electrónica municipal. As prazas son limitadas, polo que será necesario formar un grupo mínimo de 30 persoas cun límite de 45 participantes.

O prezo total do campamento completo é de 225 euros, asumindo así o Concello un desconto de 60 euros por participante, xunto cos gastos de autobús, da entrada ao Aquapark de Cerceda e dos monitores. Unha vez publicada a lista de persoas admitidas e de reserva, se fose o caso, remitirase un correo electrónico cos recibos de liquidación (coa forma e prazos de pago).

Ademais de entregar a solicitude, para anotarse deberase adxuntar unha fotocopia do DNI e outra da tarxeta sanitaria.

Para máis información, no teléfono do Concello 982 970 109 ou no correo electrónico deportes@concellodeguitiriz.com.

SOLICITUDE CAMPAMENTO DE VERAN 2025