O Plan Corresponsables de animación sociodeportiva chegará no mes de novembro ao Concello de Guitiriz da man da Federación Galega de Fútbol (Futgal) e a través do fútbol sala.
Hoxe, martes 19 de setembro, a Casa Habanera acolleu a presentación desta iniciativa, na que participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol e responsable do fútbol sala, Pablo Prieto.
A Federación Galega de Fútbol é unha das 18 federacións deportivas que se uniu ao programa de animación sociodeportiva previsto ao amparo do Plan Corresponsables, que forma parte da colaboración da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes coa Consellería de Promoción do Emprego en Igualdade na área de deportes da Xunta de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar a práctica deportiva entre a poboación nova, achegándolle distintas modalidades e favorecendo así a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás. A Futgal farao a través do fútbol sala en catro concellos: Guitiriz, Begonte, Narón e Marín.
Marisol Morandeira agradeceu á Federación “por unha banda, que nos incluíra neste proxecto tan interesante, e, pola outra, que sempre contén con nós para levar a cabo todo tipo de actividades xa que somos moi receptivos a acollelas”. Ademais, a rexedora salientou que “é unha actividade aberta a todos os nenos e nenas do municipio, independentemente de que formen parte ou non das Escolas Deportivas Municipais” e comentou que “cremos que é unha actividade deportiva moi interesante para este tipo de ensinanzas porque moitas veces esquécense os valores intrínsecos do deporte ao poñer outros por diante”.
Pola súa parte, Pablo Prieto explicou que “é un plan onde os nenos e nenas de Guitiriz van a desfrutar do deporte, non do de competición, senón como unha forma de vida e para socializar cos outros” e avanzou que “non só vai ser unha actividade técnica cunha duración limitada senón que haberá outras paralelas relacionadas cos valores e as ensinanzas que transmite o deporte”. “Guitiriz é a nosa segunda casa na especialidade de fútbol sala, no voso pavillón adestran seleccións galegas e, historicamente, celébranse competicións de ámbito internacional”, afirmou.
Inscricións no mes de outubro
A actividade está dirixida ás categorías de Infantil, Cadete e Xuvenil (ata os 16 anos) e levarase a cabo, inicialmente, todos os xoves pola tarde do mes de novembro no pavillón municipal.
O período de inscrición abrirase durante a primeira semana de outubro e as persoas interesadas poderán anotarse enviando un correo electrónico a corresponsables@futgal.es e deportes@concellodeguitiriz.com indicando nome, apelidos, data de nacemento, número de teléfono e DNI. Aqueles rapaces e rapazas que xa formen parte das Escolas Deportivas Municipais non fará falta que aporten estes datos.
Plan Corresponsables
A Xunta de Galicia puxo en marcha este verán o ‘Plan Corresponsables’ para ofrecer programas de conciliación. As Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Promoción do Emprego e Igualdade asinan un convenio de colaboración para impulsar esta iniciativa en 12 dotacións culturais cunha aportación de case 270.000 euros.
0 Comments
Leave A Comment