O Concello de Guitiriz deseñou unha completa programación de concertos, pasacalles e obradoiros para conmemorar, do luns 21 de novembro ao sábado 26 de novembro, a Semana da Música.
Destaca nesta programación o concerto que se celebrará o venres 25 de novembro ás 20:30 horas na Casa Habanera na honra a Santa Icía, patroa dos músicos, no que participarán a Banda de Música de Guitiriz, a UNED Sénior, o grupo de gaitas da Escola de Música de Guitiriz e, como invitados, a Prebanda do Concello de Meira.
O luns, 21 de novembro, está previsto que se leve a cabo a presentación da Semana da Música ás 19 horas na Casa Habanera, onde o martes 22 ás 11 horas haberá o primeiro concerto, ofrecido polo alumnado da UNED Sénior A Coruña/Guitiriz.
O mércores 23 será o Campo da Feira o que acolla, ás 12 horas, a actaución do grupo de pandeireteiras ‘Na Casa Zoqueiro’. O xoves 24 a agrupación musical ‘Amigos da Música’ fará un pasacalles polas rúas de Guitiriz.
O venres 25, ademais do concerto na honra a Santa Icía, ás 11:30 horas haberá na Casa Habanera un concerto do alumnado do IES Poeta Díaz Castro.
A programación da Semana da Música rematará o sábado 26 de novembro cun obradoiro de creación dun instrumento musical con refugallos, que terá lugar ás 18 horas na Casa Habanera. Está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos, que terán que vir acompañados dunha persoa adulta. As prazas son limitadas.
0 Comments
Leave A Comment