Do 17 ao 23 de marzo celebrarase a undécima edición do concurso de tapas ‘Que bo estás Guitiriz’, organizado pola Asociación de Hostalería de Guitiriz ‘Debares’ en colaboración co Concello, no que participarán sete locais: O Korreo, Soa, A Capela, Xoldra, Iberik Gran Balneario de Guitiriz, La Casilla e Casa Nistal.

Onte, xoves 6 de marzo, a Casa Habanera acolleu a presentación do concurso de tapas, que correu a cargo da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e do presidente da Asociación de Hostalería de Guitiriz ‘Debares’, Iván Pereira, e dos directivo da entidade, Andrés Fernández e Manuel Campo.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “a colaboración do Concello formalízase como unha aportación económica a través das subvencións nominativas” e salientou que “o certame volverá a ter este ano carácter solidario, destinando 5 céntimos de cada tapa para un fondo que será doado á Asociación Alume”.

Repartiranse 1.400 euros en premios

O XI ‘Que bo estás Guitiriz’ arrincará o luns 17 de marzo e rematará o domingo 23 de marzo. O horario para degustar as tapas é de 20 a 23 horas e estas terán un prezo de 3 euros e de 4,50 euros se se toman co viño do concurso.

En cada un dos establecementos repartiranse as cartillas de participación que, unha vez se obteña o selo de todos os locais participantes, deben depositarse nas furnas que tamén se atoparán nos sete locais. Para que o voto se teña en conta e para poder optar aos premios é imprescindible ter todos os selos. O sistema de votación ira do 1 (nota mínima) ao 10 (nota máxima).

Cada cliente poderá participar as veces que desexe e, os que o fagan, entrarán nun sorteo de tres premios: o primeiro de 800 euros, o segundo de 400 euros e o terceiro de 200 euros. Tanto os diplomas acreditativos aos locais como as recompensas aos clientes entregaranse, como é tradición, na cena da hostalaría de Guitiriz.