A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, acudiu hoxe á delegación da Xunta en Lugo para asinar o convenio polo que Guitiriz se adhire ao programa ‘Xantar na Casa’, que permitirá que persoas maiores que viven soas poidan recibir a comida de toda a semana, precociñada.
Este servizo estará sufragado polo Concello, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o propio usuario ou usuaria, que aportará unha pequena cantidade por comida e día. Os destinatarios son fundamentalmente persoas maiores con limitacións para poder garantir unha alimentación idónea.
Ademais de posibilitar unha alimentación idónea ‘Xantar na casa’ permite a vixilancia por parte dos axentes de reparto para detectar situacións de risco que, de ser o caso, serán trasladadas aos traballadores e traballadoras municipais.
Transporte público para 3 familias de Pígara
Así mesmo, Marisol Morandeira aproveitou a presenza do delegado autonómico para a provincia, Javier Arias, para lembrarlle a urxencia de solucionar a situación das catro familias de Pígara que levan todo o curso sen dispor de transporte público para que os nenos vaian a clase.
“Non é de recibo que se manteña esta situación, as familias están asumindo uns gastos de preto de 200 euros mensuais que non lles corresponden para que os seus fillos e fillas poidan cursar estudos obrigatorios”, subliñou a rexedora.
0 Comments
Leave A Comment