No que vai de 2020 no núcleo urbano de Guitiriz non se rexistrou ningún episodio de turbidez na auga. Un problema que nos últimos anos era recorrente e que comeza a remitir despois das diferentes melloras realizadas polo Concello.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sempre recalcou que “un dos principais obxectivos do goberno local é poder ofrecer aos veciños e veciñas de Guitiriz un servizo de auga de calidade durante todo ano” e agora “parece que estamos no bo camiño”.
Desde finais do 2019 leváronse a cabo unha serie de actuacións para acadar este obxectivo como a construción do bypass, renovando unha rede de circunvalación no encoro de San Xoán que permite desviar a subministración de auga para que non pase polo encoro, a modificación dos filtros de ferro e o lavado de todos os filtros, o baleirado do encoro no mes de xaneiro e o control constante da calidade da auga a través de analíticas encargadas polo Concello.
Os esforzos do goberno local sempre se centraron no pantano, baseándose nun informe emitido no 2018 polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, a petición do Concello e a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, no que se concluía que no encoro os valores obtidos para o ferro presentan unha concentración de 1,408 mg/l mentres que noutros puntos como o río Boedo os valores roldaban o 0,100 mg/l, sendo inferior a 0,200 mg/l, o límite recomendado para o consumo humano.
Marisol Morandeira tamén quixo recalcar que “isto non significa nada, temos que seguir traballando para que esta boa tendencia sexa definitiva e por iso continuamos buscando o apoio de Augas de Galicia para a modernización da ETAP”.
O Concello de Guitiriz conta cun proxecto neste sentido valorado en 384.938,75 euros para o que necesita o apoio da administración autonómica na súa financiación. No mes de febreiro a rexedora reuniuse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para solicitar esta colaboración e solucionar, dunha vez por todas, o problema da auga no núcleo urbano de Guitiriz.
“A directora comprometeuse verbalmente a incluír unha partida nos orzamentos da Xunta do ano 2021 que cubran un tezo do orzamento do proxecto e xa conseguimos unha subvención do IDAE para mellorar a eficiencia na ETAP por valor de 261.920,28 euros, que completa o importante restante”.
0 Comments
Leave A Comment