A Biblioteca Pública Municipal de Guitiriz acollerá do 22 ao 26 de xuño unha exposición das pezas elaboradas polo alumnado dos talleres de cerámica e cestería desenvolvidos durante o curso 2025/2026.

A mostra poderá visitarse en horario de 10:00 a 14:00 horas e permitirá coñecer de preto o traballo realizado ao longo do ano polas persoas participantes nestas actividades formativas e creativas.

No taller de cerámica traballouse con arxila de baixa temperatura, destinada principalmente á elaboración de pezas de uso doméstico e decoración. Este material recibe o nome de “baixa” porque a súa cocción se realiza a temperaturas que rondan aos 1.000 graos.

Ao longo do curso realizáronse numerosas pezas de diferentes características, entre elas figuras decorativas, macetas, placas de vidro fundido para fachadas e outros elementos ornamentais e funcionais.

Pola súa parte, no curso de cestería de iniciación empregouse principalmente médula de ratán de distintos grosores. O alumnado aprendeu e practicou diversas técnicas tradicionais e contemporáneas. Entre elas destaca a técnica tradicional utilizada nos cestos de vimbio galegos, a técnica de costelas empregada nos cestos con forma de noz, así como o “cul de queixal”, unha técnica de orixe catalá. Tamén se traballaron diferentes tipos de tecidos e acabados decorativos, incorporando variados sistemas de peche e remate.

Como resultado deste proceso formativo elaboráronse cestas de distintos tamaños e formas, gardamanteis, cestas con asas, soportes para reloxos, lámpadas, botellas forradas, bomboneiras, froiteiros e outras pezas que combinan funcionalidade, tradición e creatividade.