Desde hoxe, xoves 26 de maio, e ata o martes 21 de xuño, a Casa Habanera acollerá a exposición ‘Auga. O sangue da terra’, obra do fotógrafo Manuel Valcárcel e que chega a Guitiriz da man dun convenio entre o Concello e Afundación.
Á apertura da mostra asistiu a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o coordinador Institucional de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez; a coordinador institucional de Afundación en Lugo, Beatríz Fernández-Anguiano; e a representante de Cáritas Diocesana, María Luisa Pérez Rosende. O grupo de pandeireteiras ‘Na casa zoqueiro’ encargouse de poñer a nota musical ao acto.
‘Auga. O sangue da terra’, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e de luns a xoves tamén de 16 a 18 horas.
Enmárcase na iniciativa ‘Cultura por alimentos’, que Afundación leva a cabo en colaboración con FESTABAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e pola que se invita aos visitantes á exposición a que leven alimentos non perecedoiros que despois serán entregados a Cáritas.
A exposición
‘Auga. O sangue da terra’ realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recolleitos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
0 Comments
Leave A Comment