Este domingo, 18 de febreiro, terá lugar a segunda saída da sexta edición do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe, neste caso coa ‘Ruta das canteiras de Miraz’.
O itinerario terá saída, programada para as 10 horas, e chegada no mesmo punto: a Praza de Miraz. Como sempre, está aberta ao público en xeral pero os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. Neste caso visitarase Miraz para pedalear pola contorna das súas canteiras e desfrutar dalgún tramo do Camiño de Santiago.
Para participar hai que anotarse previamente, ata o xoves 15 de febreiro, no Concello ou a través do Club BTTeiros Cova da Serpe. É obrigatorio levar casco e aconsellan equiparse cunha peza de froita e tamén auga.
Esta actividade, que se está a asentar nos últimos anos con moito éxito entre a veciñanza, consiste na realización dunha serie de rutas en bicicleta polos sitios máis característicos do municipio e incluso doutras vilas.
As seguintes rutas na programación serán: a do Balneario de Guitiriz (10 de marzo), a Ruta dos Muíños (14 de abril), a Ruta da Pedra Díaz Castro nos Vilares (26 de maio), a de Bascuas e Camiño Real por San Salvador (13 de outubro), a Ruta do Pantano de San Xoán (10 de novembro) e, por último, a Ruta de Fin de Ano (29 de decembro). Sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada, ante calquera dos casos avisarase coa maior antelación posible.
0 Comments
Leave A Comment