Este domingo, 10 de marzo, terá lugar a ‘Ruta do Balneario de Guitiriz’, a terceira saída da sexta edición de ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe.

O itinerario comezará ás 10:00 horas desde o Balneario de Guitiriz, con chegada no mesmo punto. Como de costume, será apta para todos os públicos e idónea para as persoas que se estean iniciando na práctica do BTT.

As inscricións, que son gratuítas, estarán abertas ata este xoves 7 de marzo, e poderán efectuarse a través do Concello ou co Club BTTeiros de Cova da Serpe.

Para a ruta, que percorrerá 23 quilómetros dos sendeiros próximos a Guitiriz e Parga, é obrigatorio levar casco. Ademais, aconsellan equiparse cunha peza de froita e auga.

As seguintes rutas na programación serán: a Ruta dos Muíños (14 de abril), a Ruta da Pedra Díaz Castro nos Vilares (26 de maio), a de Bascuas e Camiño Real por San Salvador (13 de outubro), a Ruta do Pantano de San Xoán (10 de novembro) e, por último, a Ruta de Fin de Ano (29 de decembro). Sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada, ante calquera dos casos avisarase coa maior antelación posible.