Por segunda ocasión nesta semana, ao redor de 200 veciños e veciñas de Guitiriz volveron a reclamar a reapertura total do centro de saúde de Parga. Nesta ocasión a concentración tivo lugar na explanada do HULA en Lugo.
Ata alí desprazáronse tamén a alcaldesa do Concello de Guitiriz, Marisol Morandeira, o equipo de goberno local e membros da corporación para reclamarlle ao Sergas que “cumpra a súa palabra” e dispoña a apertura total do centro de saúde.
O consultorio, que se pechou ao inicio do Estado de Alarma para centralizar a atención en Guitiriz coa promesa de retomar a súa actividade cando este finalizase, só está a abrir os martes e os xoves para levar a cabo extraccións de sangue.
Instalación dun módulo prefabricado asistencial
Na mañá de hoxe a xerencia do Sergas recibiu aos representantes veciñais que, ante o argumento de que o consultorio non cumpre as medidas de seguridade requiridas, trasladaron unha oferta que recibiron dunha empresa de Madrid para instalar en Parga un módulo prefabricado dos utilizados no hospital de campaña instalado en IFEMA.
Estas infraestruturas contan cun espazo de triaxe e unha sala para que o persoal sanitario se poida cambiar e desinfectar se teñen que atender a un paciente con sospeita de Coronavirus. A Comunidade de Montes de Parga expresou a súa intención de sufragar o coste do módulo, valorado en 6.000 euros anuais, e a alcaldesa de Guitiriz amosou a vontade do Concello de botar unha man no que fose necesario.
Desde o Sergas pediron que se lles enviase a proposta por correo electrónico para poder valorala.
“A empresa di que en tres días podería estar aquí o módulo e simplemente sería conectarlle luz e auga polo que agora a pelota volve a estar sobre o tellado do Sergas e teñen que mover ficha. Todos as escusas que foron poñendo van desmontándose”, destacou Marisol Morandeira.
A próxima semana continuarán as mobilizacións. A data e a ubicación aínda non están pechadas e anunciaranse nos próximos días.
0 Comments
Leave A Comment