Xa é posible matricularse ou examinarse nalgún dos máis de 200 cursos formativos homologados e a distancia que se ofertan a través da nova Aula Mentor do Concello de Guitiriz, con sede no edificio do Telecentro.

O proxecto Aula Mentor, está pensado para impulsar a formación, en diferentes ámbitos, entre persoas maiores de 18 anos, a través de iniciativas e sesións que se realizan de forma telemática con apoio da persoa administradora da aula de maneira presencial.

Os usuarios e usuarias poderán optar a diferentes cursos que viran ao redor de temáticas como: iniciación á informática, Internet, ofimática, programación, redes e equipos informáticos, deseño e autoedición, deseño web, medios audiovisuais, enerxía, instalacións e control, saúde, educación, cultura e formación xeral, idiomas, ecoloxía, iniciativas empresariais, creación e administración de pemes, xestión de recursos humanos, tributos, hostalería e turismo, administración e xestión, servizos socioculturais á comunidade, madeira e márketing. Toda a información sobre os cursos está en http://www.aulamentor.es/es/cursos-mentor

A concelleira Ainara Pérez, resalta a importancia de poder contar cunha Aula Mentor, xa que “permitirá ampliar a oferta da Formación Profesional, adaptando o seu acceso para toda a poboación, en calquera momento”. O feito de achegar este servizo á cidadanía “é  de suma importancia”, posto que “evitará, en moitos casos, desprazamentos ás persoas interesadas en recibir  dita formación”. Ademais, Pérez, fai fincapé, en que as ferramentas telemáticas aumentaron o seu protagonismo durante a pandemia da COVID-19. “É necesario consolidar as alternativas existentes aos sistemas de formación presenciais”, comenta.

Para máis información e inscricións no teléfono 982 370 062 ou no correo guitiriz@aulamentor.es.

 

Descarga o dípitico mentor aquí.