Hoxe, xoves 26 de setembro,tivo lugar a presentación das Escolas Deportivas do Concello de Guitiriz para este curso 2019-2020, que contan con ao redor de 400 persoas rexistradas. Neste acto oficial estiveron presentes a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o concelleiro de Deportes, Iván Morado; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Otero; o deputado provincial de Deportes, Efrén Castro; o coordinador deportivo da Terra Chá, Juan Somoza; e o técnico de deportes municipal, Manolo Martínez. O programa está composto por 11 actividades dirixidas tanto aos máis pequenos como aos adultos do municipio. Entre as máis solicitadas este ano está pilates, que conta con 90 rexistrados e lista de espera, a pesar de que se tivo que aumentar un grupo para dar resposta á alta demanda. Patinaxe é outra das máis reclamadas, con 35 rexistrados, e finalmente levará a cabo en Guitiriz e en Parga.

Doutra banda, na presentación anunciouse que, xa que unha das traballadoras do Concello é campioa galega de tenis de mesa, vai incorporar este deporte ao programa municipal. Marisol Morandeira destacou a importancia que o goberno local lle dá ao deporte a este nivel xa que “os nenos edúcanse a través destas actividades e adquiren unha serie de habilidades necesarias para a vida, ademais de que potencian o compañeirismo e un estilo de vida saudable”. Pola súa banda, Iván Morado resaltou a “ampla oferta que hai este ano e que se tentará mellorar para cumprir a gran demanda que existe en Guitiriz”. A alcaldesa tamén quixo aproveitar a ocasión para anunciar que se retomarán as andainas dos primeiros domingos de cada mes, os roteiros en bicicleta e recuperarase a Carreira Popular, que se celebrará o 9 de setembro. Ademais, explicou que a partir deste ano “imos prohibir aos pais e nais o acceso aos adestramentos dos seus fillos xa que queremos evitar os comportamentos inadecuados que se producen nalgúns deportes por parte dos proxenitores”.

Manuel Otero enxalzou a “actividade deportiva que hai en Guitiriz, que ademais é moi variada e de mellor calidade cada ano” e lembrou que “o que importa é a “participación e nesta zona hai moita, é algo para destacar”. Pola súa banda, Efrén Castro cualificou ás escolas deportivas de Guitiriz como “un exemplo de como as institucións deben promocionar o deporte entre a mocidade e para todas as idades, algo que debería ser básico e que desde a Deputación estamos moi orgullosos de apoiar”. Por último, Juan Somoza uniuse a este discurso ao destacar a Guitiriz como “un referente a nivel da Terra Chá, da provincia e tamén autonómico en deportes como o fútbol sala”.

Escolas Deportivas 2019-2020

Este ano a oferta inclúe fútbol sala (con categorías desde minibenxamín ata xuvenil); ximnasia rítmica; patinaxe; atletismo e campo a través; baloncesto; taekwondo; actividades aeróbicas como aeróbic, step e zumba; ioga; pilates; ximnasia de rehabilitación en Parga e ximnasia de rehabilitación en Guitiriz.