As concentracións para reclamar a reapertura total do consultorio de Parga chegaron ao centro de saúde de Guitiriz, onde a pesar da choiva hoxe reuníronse ao redor de 200 veciños e veciñas do municipio para demandarlle ao Sergas que cumpra a súa palabra.

O consultorio, que se pechou ao inicio do Estado de Alarma para centralizar a atención en Guitiriz coa promesa de retomar a súa actividade cando este finalizase, só está a abrir os martes e os xoves para levar a cabo extraccións de sangue.

As mobilizacións continúan xa que o Sergas aínda non contestou á proposta dos representantes veciñais da Comunidade de Montes de Parga e o Comercio Local de Parga, que a semana remitiron un orzamento para instalar en Parga un módulo prefabricado dos utilizados no hospital de campaña instalado en IFEMA.

Declaración institucional

Todos os membros da corporación municipal acordaron na concentración celebrar o próximo luns, 6 de xullo, ás 19 horas un pleno extraordinario telemático no que se aprobe unha declaración institucional en apoio á veciñanza de Guitiriz e solicitando a reapertura total do centro de saúde de Parga.

Tamén se consensuou que esta sesión plenaria non suporía para os concelleiros e concelleiras ningunha retribución por dietas.