Este domingo, 20 de marzo, continuará o programa municipal ‘Guitiriz en ruta 2021/2022’ cunha ruta de sendeirismo polo Parque Natural das Fragas do Eume, que tamén se repetirá o próximo domingo, 27 de marzo, debido á elevada demanda de participación.

A programación será a mesma para os dous días, con saída en autobús ás 9 horas desde o Campo da Feira para comezar a andaina nas Fragas do Eume ao redor das 10 horas. O itinerario consta de 22 quilómetros, de dificultade baixa pero con varios tramos bastante técnicos con pedras, raíces, pequenas subidas e terreo esvaradío.

O espírito da camiñata é facela con tranquilidade, desfrutando da natureza e da fermosa contorna deste espazo natural. Faranse varias paradas para coller folgos e repoñer enerxías.  O xantar tamén se fará durante a ruta cun descanso un pouco maior. Todas as persoas participantes teñen que levar a comida e a bebida que vaian consumir durante todo o día. Xunto ao Mosteiro de Caaveiro hai un bar e unha fonte de auga, onde haberá tempo libre para descansar e desfrutar desta emblemática paraxe.

A xornada inclúe a obrigada visita ao Mosteiro de Caaveiro, situado no corazón das Fragas do Eume pertencente ao Concello da Capela. Desde o Mosteiro voltarase ao autobús para rematar a camiñata sobre as 18.30 – 19.00 horas. A chegada a Guitiriz está prevista para as 19:30-20 horas.

Cuestións a ter en conta

A actividade ten un custo de 5 euros por persoa, que se aboarán o día da andaina, para os nenos e nenas é gratuíto.  O Concello porá un pequeno avituallamento para a media mañá para todos e todas as participantes. É importante levar roupa cómoda e apropiada para camiñarm, dacordo ao tempo atmosférico, e tamén calzado apropiado para camiñar por terreo esvaradío e húmido. 

Débese levar comida e bebida para toda a xornada tendo en conta que hai un bar e unha fonte de auga na contorna do Mosteiro de Caaveiro. Se hai algunha persoa anotada que non poida asistir, prégase que avise no teléfono do Concello de que non vai poder realizar a actividade.