Aprobación do Orzamento do ano 2025. Aprobado cos votos a favor do PSOE e en contra do BNG e do PP.

Información sobre o orzamento do ano 2025:

O goberno local de Guitiriz presentou este xoves, 9 de xaneiro, en pleno extraordinario (8:30 horas) o orzamento do Concello para o ano 2025. Un documento equilibrado e axustado en gastos e ingresos que ascende a 5.511.441,60 euros, unha cantidade semellante á do ano 2024.

Investimentos

O anexo de investimentos ascende este ano a 139,643,06 euros, que se dividen nas seguintes intervencións; Mellora de accesos a Ixavra e Penabico dentro do Plan de Mellora de Camiños 2024-2025 (50.611,64 euros), Aportación Municipal para a Mellora de Camiños (20.000 euros), Estudo de Rede Viaria (12.100 euros), Obra de Urbanización do ARI Buriz (45.000 euros), Certificación final de obra de mellora de cuberta e parámetros exteriores do Pavillón Municipal (7.611,42 euros) e Aportación Municipal para convenio para a obra de renovación do colector paralelo á Vía do Ferrocarril (4.320 euros).

Con todo, cóntase con incrementar a partida de investimentos ao longo do exercicio a través das achegas doutras administracións e coa incorporación de suplementos de crédito, o que posibilitará novas intervencións en caso de que sexa preciso.

Orzamento social

O apartado de gastos correntes ascende a 5.354.298,54 euros, nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).

Auméntase a consignación de crédito para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, axudas ao transporte e outras de ámbito educativo, cun total de 77.300 euros.

Gastos en bens correntes

Marisol Morandeira destaca que, con respecto ao orzamento do ano 2024, hai un incremento de 634.966,69 euros dado á subida do prezo dos suministros, como por exemplo o gasóleo, a electricidade e outros servizos prestados por empresas que subiron as súas tarifas, como por exemplo no mantemento de instalacións, mantemento de vehículos, productos para depuradoras e a consignación do contrato mixto de subministro da enerxía eléctrica e o contrato do servizo complementario de axuda no fogar.

No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción, continúa a aposta firme por potenciar o turismo e os produtos locais de Guitiriz, a través dos múltiples atractivos que ofrece o concello e facendo valer o seu rico patrimonio natural e arquitectónico.