Xa están publicadas as bases do XXVIII Certame de Cantería de Parga e a ficha de inscrición para as persoas interesadas en participar. O concurso celebrarase na XXXI Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, o domingo 19 de xullo. O prazo de inscrición estará aberto ata o 13 de xullo.

A finalidade deste certame é promocionar o oficio de canteiro así como a pedra, que é un dos recursos turísticos máis importantes do noso Concello. A participación no concurso está limitada a 15 participantes e as solicitudes serán admitidas por rigoroso orde de inscrición.

A organización terá disposto para todos os participantes “CACHOTES” de granito silvestre . O tema da peza será libre. Os participantes terán que vir provistos das ferramentas manuais que eles consideren máis axeitadas para a realizacións das súas obras (macetas, punteiros, ciceis, etc).

Disporán para labrar a pedra dende as 09:00 ata as 14:00 horas do día de celebración da feira, é dicir, do 19 de xullo de 2026, podendo adicarlle o tempo que cada un deles estime oportuno entre esas horas. Antes de comezar a traballar identificaranse á organización presentando o DNI .

As contías dos premios serán de 750 euros para o primeiro posto, 500 euros para o segundo e 250 euros para o terceiro. As obras que resultaran premiadas pasarán a ser propiedade da organización. A resolución e premios realizarase mediante Decreto de Alcaldía. Os premios estarán suxeitos á retención do IRPF de acordo coa lexislación vixente.

A inscrición poderase facer cumprimentando a solicitude de participación no modelo oficial de instancia (Anexo I) que estará a disposición dos/das interesados/as na Sede electrónica (https://guitiriz.sedelectronica.gal/info.0), na páxina do web concello (debaixo desta información), no rexistro xeral do Concello ou ben nos lugares e na forma que determina o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

O xurado estará composto por un mínimo de tres e un máximo de cinco persoas que designará a organización da mesma. O xurado a hora de valorar terá en conta a innovación e orixinalidade da obra, a calidade técnica e a estética da escultura e a complexidade da execución da peza. O xurado poderá declarar deserto un ou varios dos premios, si así o acorda a maioría.

Os participantes que resulten gañadores recollerán o día do certame un vale do premio. Os aboamentos dos premios serán tramitados polo Concello de Guitiriz a través dunha transferencia bancaria. Para poder realizar a transferencia do premio, os gañadores deberán solicitar antes do 30 de agosto, no rexistro das oficinas do Concello ou a través da sede electrónica (instancia xeral) unha copia do DNI e o certificación do número de conta.

A participación neste concurso implica o coñecemento e a total aceptación das bases . A organización completará co seu criterio as omisións que puideran producirse na redacción destas bases, e as dubidas que ofrecerá a súa interpretación, sendo o seu fallo inapelable.

En cumprimento da normativa vixente de protección de datos de carácter persoal, informase de que os datos persoais que se solicitan nestas bases serán tratados polo responsable do tratamento, o CONCELLO DE GUITIRIZ con domicilio situado en RUA DO CONCELLO, 4, 27300-Guitiriz e enderezo electrónico do delegado de protección de datos info@concellodeguitiriz.com.

Os datos recadados serán empregados para a xestión e control da actividade descrita nas presentes bases, así como para xestión administrativa derivada da mesma. Tódolos participantes polo feito de inscribirse, autorizan ao Concello de Guitiriz a realizar e utilizar as fotografías e vídeos tomados no transcurso do concurso e facer uso de ditas imaxes de xeito respectuoso e responsable na promoción e difusión nas redes sociais, páxina web, así coma calquera outro medio de comunicación.

A presentación da instancia de participación por parte das persoas aspirantes, suporá unha clara acción afirmativa para o tratamento dos seus datos persoais. Se o desexa, pode acceder ós datos facilitados, así como solicitar, se é o caso, o exercicio dos seus dereitos. Pode acceder a información adicional e detallada sobre Protección de Datos ou consultala en https://concellodeguitiriz.com/politica-proteccion-datos/.

FICHA INSCRICIÓN CONCURSO DE CANTERÍA PARGA