En Guitiriz hai canteira. Así o demostra a recente convocatoria de catro xogadores e unha xogadora das Escolas Municipais de fútbol sala por parte de diferentes combinados da selección galega de fútbol sala. En categoría xuvenil os convocados son o porteiro Kevin Guizán e o pivote Diego Rodríguez, que  forman parte da preselección autonómica para participar na primeira fase do campionato de España que se celebrará en Estremadura do 15 ao 19 de xaneiro.

En categoría cadete os elixidos son o porteiro Jorge Cruz e o peche Diego Carreira, que tamén se atopan preseleccionados para formar parte do  equipo definitivo que participará no Campionato de España cadete que se celebra nas mesmas datas e no mesmo lugar que o xuvenil. En categoría infantil feminina foi preseleccionada para o Campionato de España que se celebrará en Andalucía do 13 ao 18 de xaneiro a porteira Yanira Guizán, que o pasado ano xa estivo a piques de estar na convocatoria final aínda sendo de primeiro ano. Yanira é a única porteira de todo Galicia que compite na liga Galega nunha categoría superior á súa como é a cadete masculina.

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, quixo dar os parabéns “a todos” e destacou a “importancia que ten este tipo de recoñecementos tanto para vos propios xogadores como para as nosas Escolas Deportivas Municipais, xa que apoian o traballo que se fai no día a día”.