Empresas de turismo e comercio de Guitiriz participaron na xornada formativa “O turismo na era Covid e Post- Covid” co obxectivo de debater as claves para adaptar os negocios a estas tendencias. Esta xornada forma parte dun proxecto impulsado polo Concello de Guitiriz e enmarcado no programa “O Teu Xacobeo”, da Xunta de Galicia.
Esta acción, xunto con outras do mesmo proxecto, está encamiñada á consecución da excelencia na calidade no Camiño do Norte ao seu paso por Guitiriz. Para iso, está a levarse a cabo un arduo traballo en colaboración coas empresas do Concello que se atopan no círculo de consumo do peregrino e do turista.
Hoteis e pensións, vivendas vacacionais, cámping, albergues, restaurantes, cafeterías, taxis, panaderías; así como a oficina de turismo e protección civil están adheridos a este proxecto, participando en diferentes accións de formación e de mellora continua nos seus establecementos, así como de adaptación ás necesidades dos peregrinos.
Tendencias como os Camiños de Santiago menos concorridos, o turismo de natureza e a ecoloxía, os produtos locais e a comercialización directa foron claves que se puxeron sobre a mesa e xeraron debates e sinerxias entre os participantes. Con esta xornada xa se realizou unha serie de sesións formativas e tamén asesorías, agora é a quenda de que as empresas expoñan as súas melloras, nas que estiveron traballando durante o mes de outubro, para achegarnos cada vez máis á excelencia en destino e no Camiño de Santiago.
A empresa de consultoría Avivae Solucións Estratéxicas S.L. é a adxudicataria da execución dos traballos de asesorías individuais, formación e elaboración de fichas dos establecementos en relación ao Camiño de Santiago.
0 Comments
Leave A Comment