Os representantes da Cámara Municipal de O Seixal (Portugal) explicaron hoxe na Casa Habanera de Guitiriz as políticas que están a levar a cabo para implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e tamén as boas prácticas que aplican no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU. Este encontro forma parte do programa Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS; organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Guitiriz é un dos seis municipios Galegos, xunto con Ponteareas, Vilagarcía, As Pontes, Pontevedra e Verín, que se adheriron.
As sesións, que finalizarán mañá venres 22 de novembro, están dinamizadas por persoal especializado da ONG lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr. Ademais de presentar o perfil de cada municipio, o galego e o portugués, e de revisar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, as xornadas de traballo permiten profundar nas fases para a localización dos ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais.
Paralelamente a este encontro, haberá unha exposición que virará ao redor dos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable. Permanecerá na Casa Habanera ata o 10 de decembro e poderá verse de 11 a 14 horas.
0 Comments
Leave A Comment