O Concello de Guitiriz, a través da Biblioteca Pública Municipal “Casa Habanera”, celebra o ‘Paraugas da fala 2024’, unha programación con actividades para conmemorar o día de Rosalía de castro.

Estas actividades están deseñadas para achegar á veciñanza a vida e obra da autora galega máis ilustre, en recoñecemento á súa contribución á literatura galega e española, a defensa da identidade cultural de Galicia e para valorar o seu legado como unha das figuras máis destacadas da literatura do século XIX.

O ‘Paraugas da Fala’ consta dunha ampla variedade de actividades lúdicas (encrucillados, quebracabezas, sopas de letras, labirintos, lectura de poemas, música,…) para celebrar o día de Rosalía e dar a coñecer dun xeito divertido a figura e o legado da nosa ilustre poetisa.

Programación de actividades

21 de febreiro

  • De 11:00 a 12:00 horas o ‘Paraugas da Fala’ achégase ata o Centro de Día Casa do Capataz.
  • De 12:30 a 13:30 horas estará no mercado no Campo da Feira de Guitiriz.

22 de febreiro

  • De 08:00 a 09:30 horas o ‘Paraugas da Fala’ viaxa ata a aula de Madrugadores do CEIP Plurilingüe Lagostelle.

23 de febreiro

  • De 08:00 a 09:30 horas o ‘Paraugas da Fala’ viaxa ata a aula de Madrugadores do CEIP Santo Estevo de Parga.
  • De 11:30 a 12:30 horas estará na Biblioteca municipal, onde os participantes do taller de estimulación cognitiva poderán desfrutar das actividades e coñecer de maneira virtual a Casa de Rosalía de Castro, empregado material innovador cedido pola aula CeMIT, (tablets e gafas de realidade virtual).
  • Contaremos coa colaboración do alumnado da biblioteca Poeta Díaz Castro-Proxecto KPACES.

Outras actividades

Xunto con estas actividades, desde o 26 de febreiro ao 15 de marzo, levarase a cabo:

  • Mostra libros de Rosalía de Castro, coa que pretende dar visibilidade á obra literaria de Rosalía de Castro que se atopa no fondo bibliográfico da B.P.M. “Casa Habanera”.
  • As persoas que se achegen ao mercado entrarán nun sorteo dun lote de libros e un Sanandresiño, figura elaborada con faragulla de pan, que se  modela e enforna para despois pintar de vivas cores; son o recordo máis demandado polos peregrinos e turistas que acoden a Santo Andrés de Teixido, que buscan con eles propiciar a boa sorte.

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837 — Padrón, 1885) é unha das figuras crave do panorama literario do século  XIX español e escritora fundacional da literatura galega. A súa obra inicia o período coñecido como « Rexurdimento» galego. Na súa obra poética sobresaen os «Cantares galegos» (1863), « Follas  Novas» (1880) e «Nas beiras do Sar» (1884). Dentro da súa faceta narrativa destacan as novelas «A filla do mar» (1859) e «O cabaleiro das botas azuis» (1867).