O Concello de Guitiriz levou a cabo hoxe, luns 25 de novembro, o acto constitucional programado polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero que estivo presidido pola alcaldesa, Marisol Morandeira, e no que participaron tanto os membros do equipo de goberno local como empregados municipais e veciños e veciñas do municipio.

No vestíbulo da casa do concello colocouse un mapa de España presidido polo lema ‘Matáronas, non morreron’ e no que os asistentes foron situando, unha por unha, as 70 vítimas de violencia de xénero de 2019. Ademais, repartíronse pulseiras nas que se podía ler ‘Contra a violencia’ e ‘Pola igualdade’. Do mesmo xeito que a reivindicación levada a cabo a semana pasada polo Concello, este acto tiña como obxectivo poñer en valor a vida das 70 mulleres, nenos e nenas que foron asasinadas polo machismo no que vai de 2019 e “mostrar a magnitude desta lacra da sociedade que é a violencia de xénero”, explicou Marisol Morandeira.

 

Paralelamente a este acto institucional tamén se programaron accións dirixidas aos máis pequenos para conmemorar o Día Contra a Violencia de Xénero. Así, nos distintos centros educativos de Guitiriz, levouse a cabo un contacontos titulado ‘ Contos de nenas grandes e pequenas”. O obxectivo desta acción é traballar de base na sensibilización e no empoderamento das nenas desde a infancia. Ademais, este sábado 30 de novembro ás 19 horas na Casa Habanera haberá unha obra de teatro dirixida ao público adulto e titulada ‘Daqueles polvos estes lodos’.

Outro ano máis o Concello adheriuse á campaña ‘En negro contra as violencias’, mediante a cal se tinguiron de negro tanto os espazos públicos como os diferentes establecementos do municipio.