O Concello de Guitiriz destinará 48.395,04 euros para a construción dun circuíto de pum track que estará situado na zona de almacenamento exterior na contorna da antiga nave do SENPA, onde agora se sitúa unha pista de pádel e a escola de música municipal.
Para levar a cabo este proxecto o Concello recibiu unha subvención de 40.000 euros da FEMP, a través da Red Española de Ciudades Saludables, a través da liña para a ‘realización de accións destinadas á promoción de estilos de vida saudable a través da creación ou rehabilitación de contornas saudables’ con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
O pump track asfaltado, que estará ao aire libre e que contará cunha superficie total de 450 metros cadrados, permitirá o seu uso tanto por parte de ciclistas como por practicantes de calquera deporte sobre rodas de calquera idade e de diferentes niveis.
Trátase dun circuíto pensado e deseñado para que poida ser usado e rodado por todos os públicos, desde o que se inicia ata o máis experto, podendo englobar público patinador e ciclista, monopatín, skate, BMX, MTB…
Os traballos para a súa construción implican, en primeiro lugar, o movemento de terras para preparar o terreo, o asfaltado e, por último, a realización das marcas viarias e a execución da sinalización pertinente.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “nos últimos anos en Guitiriz aumentaron, de xeito notable, as persoas que practican ciclismo e con esta instalación queremos responder ás súas demandas, dándolles un lugar axeitado e seguro para prácticar este deporte”.
O concelleiro de Deportes, Iván Morado, salientou a importancia de “pouco a pouco, contar con máis infraestruturas para que os nosos veciños e veciñas poidan desfrutar de diferentes deportes” e destacou que “ademais esta instalación servirá como polo de atracción para persoas de fóra de Guitiriz”.
0 Comments
Leave A Comment