O Concello de Guitiriz continúa apostando pola calidade turística e a posta en valor do destino e das empresas do sector. Catorce anos despois de comezar a implantación do SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, este sistema segue consolidándose no sector turístico do municipio e agora duplica o número de empresas adheridas.

Un total de 17 empresas e organismos; entre as que se atopan bares e cafeterías, restaurantes, pensión, albergue, cámping, oficina de turismo, taxi, organismos de seguridade cidadá e comercios; son as que están a traballar neste momento para superar a avaliación e implantar ou renovar o distintivo.

Co esforzo do concello e a implicación das empresas, Guitiriz, que ademais é o único destino SICTED na provincia de Lugo, segue afianzando o seu traballo na mellora do turismo e da calidade, duplicando o número de empresas adheridas ao proxecto nos dous últimos anos. Desde o  Concello considérase fundamental o traballo conxunto e a cooperación público – privada para obter éxitos como este e valórase o esforzo realizado polas empresas para conseguir o distintivo de Calidade Turística.

O SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co obxectivo de mellorar a calidade e a competitividade das empresas turísticas e dos destinos así como de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista.

Para as empresas é unha moi boa oportunidade de potenciación das súas ferramentas de xestión, de incremento da competitividade e mellora da visibilidade de fronte ao visitante. Así mesmo, enmarcado neste proxecto, tendo en conta o crecemento na afluencia no Camiño de Santiago, prepárase unha xornada de axuda á adaptación dos establecementos ás necesidades desta demanda en auxe.

 

Lista de establecementos que participan actualmente e que se distribúen por ciclos.

Este é o grupo maioritario, que está en ciclo de renovación e seguimento.

•        Panadería David.

•        Panadería A Esquina.

•        Fotografía  Kantero.

•        Restaurante La Casilla.

•        Bar O Korreo.

•        Bar Cit.

•        Bar Xoldra.

•        Oficina de Turismo.

•        Policía Local.

 

En Ciclo 2, que son as empresas que entraron o ano pasado e distinguíronse por primeira vez:

 

•        Restaurante El Merendero.

•        Albergue  Wittericus.

•        Cámping O Mesón.

 

En Ciclo 1, que son os que entraron este ano por primeira vez e que teñen pendente a asistencia á formación para adquirir a distinción:

 

•        Taxi Ángel Neira.

•        Bar A Capela.

•        Protección Civil.

•        Bar O Recreo.

•        Taberna a Modia.