Os esforzos que o goberno local de Guitiriz está a facer nos últimos anos para mellorar a recollida selectiva de residuos están a dar os seus froitos, mellorando os datos neste sentido en cada exercicio.  

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a concelleira de Medio Ambiente, Paula Campo Barral, mantivo unha reunión cos técnicos de Ecoembes, entidade medioambiental sen ánimo de lucro centrada na mellora do reciclaxe e do ecodeseño dos envases en España, que lle trasladaron un informe cos últimos datos do municipio.

Ademais do incremento da aportación por habitante, que pasa de 14,1 quilos no 216 a 19,9 no 2020, tamén aumenta a recollida de envases lixeiros do contedor amarelo entre os veciños e veciñas de Guitiriz. Ademais, son cada vez máis conscientes do que vai en cada contedor xa que a taxa de impropios no amarelo é moi baixa e redúcese pasando do 25,19% que se recollía no ano 2016 ao 24,55% do 2020.

Para contribuír a esta evolución positiva o Concello adheriuse a un convenio entre Ecoembes e a Xunta de Galicia polo que se adquiriron contedores de envases lixeiros e de papel-cartón por valor de 11.800 euros e está previsto solicitar máis este ano para completar os puntos onde non hai e renovar outros.

Paula Campo  Barral explica que “ademais de ser boas novas para o medio ambiente tamén o son para a economía xa que, coa boa separación do lixo e un bo uso do colector de envases lixeiros, redúcese o peso e por tanto o coste da recollida do colector xenérico”.