O Concello de Guitiriz presentou esta mañá a II Edición “Guitiriz vive a noite” e as “III xornadas gastronómicas de caza”, que se celebrarán na vila do 13 ao 15 de decembro.
Durante o venres 13 de decembro, os comercios de Guitiriz abrirán en horario extraordinario para celebrar a ‘Noite aberta dos comercios’, ata as 23:00 horas da noite. Os habitantes do pobo poderán adiantar as compras de Nadal, con descontos especiais. Con esta medida, o Concello pretende fomentar a potenciación do comercio local.
Os establecementos participantes son: A Badorna, Perruquería A. Costa, Anitta Chic, Droguería Cheno, Zapatería Guitisport, Mercería Entrefíos, Expendiduría Guitiriz, Feixe, Perruquería Borea, Libraría Castaño, Mosquito e Sanjurjo Moda.
Ademais, o venres tamén terá lugar o encendido do alumeado de Nadal, a partir das 19:00 en Parga e ás 20:00 horas no Campo da Feira de Guitiriz, feito que marcará o comezo dun completo programa de actividades. Estarán iluminadas todas as igrexas do concello e haberá “novidades con respecto aos outros anos”, destacan responsables municipais. Haberá actuacións musicais por parte da Coral Xermolos e do grupo Caivanca.
Durante o sábado 14 e o domingo 15 de decembro celebraranse as ‘III xornadas gastronómicas da caza’, nas que os bares e restaurantes locais serán protagonistas. Participarán os seguintes establecementos: Cit, Comba, Recreo, Xoldra, Centro, Flamingo, Soa, Nistal, Zeus, Titanic, Gaibor e Korreo.
O fin de festa na fin de semana do ‘pistoletazo’ de saída ao Nadal estará marcado por una festa infantil, o domingo desde as 15:30 horas ás 18:30 horas, na que os pequenos poderán gozar de hinchables e obradoiros.
Nunha rolda de prensa celebrada hoxe, ás 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, a concelleira de Turismo, Mª Pilar Vázquez e Pilar Cruz, secretaria de DEBARES, presentaron o cartel oficial do evento para a fin de semana.
A alcaldesa remarca que “é de agradecer aos hostaleiros de Guitiriz a súa implicación sempre que lles propoñemos accións como estas, que serven para dinamizar o tecido de servizos de hostalería local. É moi importante para nós e neste senso sempre están abertos a acoller as ideas que nós lles trasladamos”. En termos da festa infantil, a alcaldesa destacou que “estamos organizando unha sorpresa para os ‘peques’ e os que non o son tanto, que vai gustar moito a toda a veciñanza”, destacaba.
A secretaria de DEBARES, Pilar Cruz, aportou que “as tapas serán durante o sábado á noite e o domingo, en horario de 13:00 a 15:30 horas pola mañá e de 19:00 a 23:00 horas pola tarde. O domingo ás 23:00 horas sortearanse doce botellas Magnum”, sinalaba Cruz.
0 Comments
Leave A Comment