Guitiriz acolleu hoxe a presentación oficial do I Rallymix Concello de Guitiriz – Gran Premio Deputación de Lugo, unha nova competición automobilística que se celebrará os vindeiros 19, 20 e 21 de xuño e que nace coa vocación de consolidarse como unha das citas destacadas do calendario galego do motor. A competición está organizada por Scratch Galicia e a Escudería Scratch Fene coa colaboración do Concello de Guitiriz e da Deputación de Lugo.

No acto participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez; o director de carreira, Édgar Vigo; o comisario de ruta, Pablo García; e a alma máter do comité organizador, David Montero, quen deron a coñecer os principais detalles dunha proba que situará ao municipio chairego como epicentro do automobilismo galego durante unha fin de semana.

Durante a presentación, Marisol Morandeira agradeceu á Deputación de Lugo e ás escudarías Scratch Galicia e Scratch Fene a súa implicación para facer realidade esta primeira edición. A rexedora destacou a “estreita vinculación de Guitiriz co deporte do motor” e amosou o seu desexo de que a competición sexa “un éxito tanto a nivel deportivo como organizativo, contribuíndo ademais á promoción do municipio e ao dinamismo da economía local”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, subliñou que “para nós é un orgullo colaborar nun evento como este”. Castro destacou a gran afección existente na provincia polo deporte do motor e lembrou que Lugo non contaba ata o momento cunha proba destas características. “O Rallymix é unha disciplina moi vistosa e esixente pola súa dificultade técnica, e estou convencido de que, cun concello tan implicado como Guitiriz e cunha organización solvente, a receita do éxito está asegurada”, afirmou.

Pola súa banda, Édgar Vigo agradeceu o apoio das institucións e tamén dos numerosos comercios e negocios de Guitiriz que colaboran coa proba, contribuíndo economicamente á importante relación de premios prevista para esta edición. O director de carreira explicou os aspectos deportivos dunha competición que será puntuable para os Campionatos e Copas de Galicia de Rallymix 2026 e que contará cun tramo cronometrado de 9,08 quilómetros, combinando superficies de terra e asfalto.

O presidente da Federación Galega de Automovilismo, Antonio Rodríguez, quixo agradecer o traballo realizado pola organización e destacou a complexidade que supón sacar adiante unha competición deste tipo. “Para min, un Rallymix é incluso máis difícil de organizar ca un rallye, porque require unha coordinación moi ampla e unha atención constante a múltiples aspectos”, sinalou. Rodríguez tamén agradeceu á alcaldesa a súa aposta polo automobilismo como ferramenta de dinamización económica e social do territorio, así como á Deputación de Lugo pola súa colaboración constante co deporte do motor galego.

Máis de 6.000 euros nos diferentes premios

Un dos aspectos que máis protagonismo tivo durante a presentación foi a ampla e variada relación de premios que repartirá a competición. Ademais dunha dotación económica superior aos 6.300 euros entre as Clases A e B, a organización impulsará o I Trofeo Súper Sábado Panadería La Esquina, que premiará aos vencedores das sete agrupacións establecidas ao remate da xornada do sábado.

A proba contará tamén con diversos galardóns especiais destinados a recoñecer o talento e a participación en diferentes categorías. Así, entregarase o Trofeo Feminino Pub Zeus, destinado ás mellores pilotas; o I Trofeo Junior Guitiriz Racing Detailing, para os participantes menores de 25 anos; o I Trofeo Máster Pub SOA, dirixido aos pilotos maiores de 45 anos; o II Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio, que busca poñer en valor o talento da provincia; e o I Trofeo Scratch Fene Pub Titanic, reservado aos integrantes da escudaría organizadora.

Cada un destes trofeos especiais contará cunha dotación económica de 300 euros, repartidos entre os tres primeiros clasificados de cada categoría.

As inscricións permanecen abertas a través da plataforma PODIUM ata o 15 de xuño ás 20.00 horas, cun límite máximo de 100 vehículos participantes. Toda a información oficial da proba, os tempos en directo e os avisos da organización estarán dispoñibles a través da aplicación SPORTITY coa clave GUITIRIZ26.