O Concello de Guitiriz recibiu onte unha Flor de Honra dentro do programa Vilas en Flor. Na reunión virtual celebrada onte para dar a coñecer o fallo do xurado, o Concello acadou esta distinción en recoñecemento aos seus plans de mantemento das súas zonas verdes.

A iniciativa quere recoñecer a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. 

En concreto recoñécense as actuacións ambientais, labores de axardinamento, ornamentación floral, dotación de mobiliario urbano e creación de espazos lúdicos, encamiñadas a lograr  a mellora estética e funcional do territorio. 

Recoñeceuse o marcado carácter rural de Guitiriz, con espazos naturais vinculados á Rede Natura e cun elevado potencial para o goce da natureza. Destacouse tamén os catro roteiros de sendeirismo, coa súa brigada propia para a súa conservación e o persoal para o mantemento doutros espazos verdes da vila e a súa periferia. 

O certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación do Instituto de Estudos  do Territorio, e o patrocinio de  Husqvarna e  Rainbird.