O vindeiro martes, 13 de febreiro, Guitiriz celebrará o Entroido co tradicional desfile de disfraces, organizado polo Concello e a Asociación Xermolos.

O desfile comezará ás 17:00 horas e partirá desde a Casa Habanera para chegar ao pavillón municipal onde terá lugar a festa con música toda a tarde.

Este ano repartiranse un total de 695 euros en premios ás mellores comparsas e disfraces. No caso das comparsas: a mellor recibirá 200 euros e unha cesta de produtos típicos, a máis orixinal 70 euros, a mellor música 70 euros, a de máis humor 70 euros e a de máis traballo outros 70 euros.

Nas máscaras individuais o primeiro premio será de 50 euros, o segundo de 20 euros e o terceiro de 15 euros. Para as parellas o primeiro premio será de 60 euros, o segundo de 40 euros e o terceiro de 30 euros. Ademais, as máscaras infantís recibirán diferentes agasallos.

Reto Mecos nas redes sociais

Outro ano máis, haberá un reto co obxectivo de encher a vila de mecos e vivir o entroido dun xeito distinto e divertido. Para participar, as persoas que o desexen deberán facer un meco e subir unha foto ás redes sociais xunto ao cancelo #MECOXERMOLOS24.

Non será necesario ser o creador/a xa que o anonimato está asegurado. O gañador/a será o Meco, non a persoa que o fai polo que o premio será o indulto do propio Meco, o resto serán retirados para queimalos. O Meco gañador decidirase no desfile do martes de Entroido.