O Concello de Guitiriz inicia hoxe as obras para renovar unha antiga rede de circunvalación no encoro de San Xoán que permitirá desviar a subministración de auga para que non pase polo encoro. O proxecto, valorado en 54.367’47 euros, é unha das fórmulas que o goberno local está a implementar para lograr que a calidade da auga que reciben os veciños e veciñas do municipio nas súas casas teña a maior calidade posible.
A tubaxe de circunvalación que se renovará foi proxectada en 1979 e discorre desde unha caseta situada no paso dun curso natural de auga que abastece ao encoro ata outra caseta que ten a función de bypass para regular a auga. A auga que se extrae do encoro posúe uns niveis moi altos de ferro na súa composición o que, sumado a que nas épocas estivais redúcese o nivel da auga, a concentración do mesmo aumenta e xérase esa cor amarelada que detectan os veciños e veciñas de Guitiriz na auga das súas casas.
O pasado ano, a pedimento do Concello, o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, levou a cabo un seguimento da calidade da auga no municipio e concluíu que no encoro de San Xoán de Guitiriz os valores obtidos para o ferro presentan unha concentración de 1,408 mg/ l, mentres que noutros puntos como o Río Boedo os valores roldaban o 0,100 mg/ l, sendo inferior a 0,200 mg/ l o límite recomendado para o consumo humano.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, destacou a importancia desta actuación no que se cre que “é o foco do problema” e asegurou que o goberno local “non cesará no seu empeño para que todos os habitantes de Guitiriz poidan gozar dun servizo de auga nas mellores condicións e levantar a prohibición de consumo de auga canto antes”.
0 Comments
Leave A Comment