O Concello de Guitiriz abrirá mañá, martes 12 de setembro, a partir das 8:30 horas, o prazo de inscrición para participar nalgunha das propostas que incorporan as Escolas Deportivas Municipais para o curso 2023/2024.

A matrícula poderá formalizarse ata o 24 de setembro de xeito presencial na casa consistorial, en horario de 8:30 a 14:30 horas, ou a través da sede electrónica municipal. É obrigatorio cubrir unha inscrición por cada actividade solicitada e xunto coa solicitude hai que achegar a certificación bancaria co número IBAN completo, onde obrigatoriamente o titular da conta ten que coincidir coa persoa solicitante maior de idade, ben alumno/a ou ben responsable do/a menor participante. Cada persoa só poderá rexistrar as súas solicitudes e/ou as dos seus fillos e fillas menores de idade.

As prazas cubriranse por estrita orde de entrada e non se poderá inscribir unha mesma persoa na mesma actividade en dous grupos diferentes. O prezo das actividades será de 15 euros ao mes por alumno/a e actividade e o prezo da matrícula de 10 euros, que se aboará unha vez que a persoa estea admitida na actividade solicitada.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, durante a última semana de setembro, se sacarán os listados de admitidos e excluídos das distintas actividades deportivas

A oferta deportiva inclúe: fútbol sala, ximnasia rítmica, patinaxe, tenis de mesa, ximnasia para adultos, actividades aeróbicas (aerobic, zumba, step), zumba infantil, atletismo e campo a través, pádel, tiro con arco, pilates e ioga.

Descontos

O Concello de Guitiriz aplicará descontos na matrícula nos seguintes supostos: 20% aos membros de familias numerosas, 20% na segunda actividade por estar matriculado en dúas ou máis e, por último, para familias con poucos recursos (consultar en Servizos Sociais do Concello).

SOLICITUDE INSCRICIÓN ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS 2023-2024