O Concello de Guitiriz conmemora o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, baixo o lema ‘Non es ti, é el’, que centra a responsabilidade na persoa que exerce o maltrato.

O lema escollido ‘Non es ti, é el’ represéntase graficamente cunha figura de muller arroupada por elementos naturais, vivos, que a acollen como un manto que enraíza na vida e aporta un presente, pero tamén un futuro e esperanza.

As follas rodean a unha muller que se aperta a si mesma. Vemos unha figura global que evoca a imaxe dun feto nun útero, un lugar que claramente é de paz e seguridade. Trasládanse conceptos como o calor do fogar, que non está soa, está rodeada de vida que enraíza e intégrase nela.

Actividades

A programación que elaborou o Concello para conmemorar o 25N arrincará o propio sábado, 25 de novembro, ás 12:30 horas cunha concentración no Campo da Feira e a posterior lectura dun manifesto para erradicar a violencia contra as mulleres.

O domingo, 26 de novembro, a Casa Habanera acollerá ás 17 horas a obra de teatro ‘Mordiendo la verdad 2.0. Recuperando la memoria de las mujeres’. Esta obra é un monólogo cru e tenro ao mesmo tempo, onde o público poderá acompañar á protagonista polas súas divagaciones. Aventurarse na viaxe das violencias machistas non é unha tarefa fácil. Require valentía e confianza. Dividida en tres actos, a palabra, a música e os feminismos danse cita e saen a escena.