O 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas, unha data para recoñecer a importancia destes espazos, cheos de coñecemento e de lecer. En Guitiriz celebramos este día o pasado 18 de outubro co obradoiro musical de sensibilización en igualdade ‘Do tradi ao trap… Baila morena’, do que podes ler máis información na seguinte ligazón e que se organizou na nosa biblioteca municipal, a Casa Habanera: https://concellodeguitiriz.com/o-concello-adianta-a-celebracion-do-dia-da-biblioteca-e-organiza-este-venres-un-obradoiro-musical-de-sensibilizacion-en-igualdade/

A Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas este 24 de outubro de 2024. Desde o ano 2019 incorpórase á celebración o lema ‘Aptas para todos os públicos’, que estará presente en todas actividades que se poñan en marcha. Ademais, a celebración do Día das Bibliotecas ten desde ese momento un fío condutor temático diferente cada ano. O lema deste ano, “Por un futuro sostible”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

“Unha biblioteca é un territorio habitado por silencios elocuentes. Non é só o espazo onde os libros repousan, senón onde os lectores atopan o seu lugar no mundo. Cada volume é unha ponte cara a unha experiencia de lectura irrepetible, pero tamén é un eco de todas as lecturas posibles.” (Texto de Maria do Cebreiro).