O Concello de Guitiriz presentou hoxe o Mercado de Nadal que se levantará no Campo da Feira desde o 23 de decembro ata o 5 de xaneiro e que este ano será o epicentro das diferentes actividades da programación de Nadal no municipio.

A alcaldesa de Guitiriz presentou hoxe na Casa Habanera esta iniciativa e explicou que “este ano decidimos innovar porque cremos que esta proposta contribuirá a dinamizar o sector do comercio no municipio”. “Desfrutaremos dun Nadal distinto, moi vistoso, e penso que os veciños e veciñas e os comerciantes van a quedar moi contentos”.

No Mercado de Nadal, que estará acondicionado cunha decoración típica destas datas, terá un horario de 11 a 13 horas e de 17 a 20 horas, haberá seis casetas que estarán ocupadas por artesáns e comercios locais, ademais de postos de hostalería.

Un dos principais atractivos deste mercado é a habilitación dunha caseta de actividades de conciliación gratuítas nas que os nenos poderán disfrutar de opcións como obradoiros de cociña, de manualidades ou de música con temática de Nadal e tamén un simulador de ESports.

Neste espazo tamén se instalará un gran iglú e aí será onde os Reis Magos reciban as peticións dos máis pequenos despois da tradicional Cabalgata do cinco de xaneiro. Ademais, haberá unha colaboración co banco de alimentos, un taller de orientación medioambiental e unha zona de intercambio de libros, entre outras.

Marisol Morandeira invitou “a todo aquel que se queira achegar, que o faga”, agradeceu “a todos os participantes e persoas que se involucraron neste traballo a súa dedicación” e tamén fixo referencia aos colaboradores, sinalando que “unha empresa multinacional como Ikea prestará os materiais necesarios para levar a cabo os diferentes talleres, Papelga financiou as bolsas co merchandising do mercado e Copama será a encargada de ofrecer produtos gourmet”.

A rexedora tamén comentou que “grazas ás xestións que fixemos para levar a cabo este mercado conseguimos que tres mulleres artesás do noso concello leven os seus produtos ao mercado de Nadal de María Pita, na cidade da Coruña”.