O Concello de Guitiriz adquiriu varios dispensadores automáticos de xel hidroalcohólico, que se irán instalando pouco a pouco en todos os edificios municipais e que tamén se poderán usar cando se celebre o mercado municipal.

O goberno local continúa así executando medidas para garantir a protección dos seus veciños e veciñas durante a desescalada e cando chegue a volta á normalidade.

Tras iniciar unha campaña de subministro de material de protección aos autónomos do municipio que vaian a ter atención ao público, agora adquire estes aparellos que permiten que “nos espazos públicos máis frecuentados pola veciñanza, sexa posible cumprir as medidas de hixiene requiridas”, explicou a alcaldesa, Marisol Morandeira.

O primeiro dispensador xa foi instalado no pavillón municipal e o seu funcionamento é moi sinxelo xa que, ao poñer as mans no espazo habilitado, este automaticamente lanza a cantidade necesaria de xel para efectuar un correcto lavado de mans sen ter que tocar ningunha superficie.