O equipo de goberno de Guitiriz participou onte na asemblea aberta de afectados polo peche do centro de saúde de Parga e amosou o total apoio do Concello as reivindicacións da veciñanza da zona para que se produza a reapertura total do consultorio

O encontro celebrouse no campo de fútbol de Parga e foi convocado pola Comunidade de Montes e os Comerciantes de Parga. Alí, máis de 100 persoas acordaron iniciar as mobilizacións para esixirlle ao Sergas que “cumpra as súas promesas e reabra o centro de saúde na súa totalidade, non parcialmente como se anunciara”.

Na reunión tamén interviu a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que se reafirmou no seu compromiso de “apoiar todas as reivindicacións desta causa” e destacou que “ao Sergas cústalle o mesmo ter o servizo en Parga ou Guitiriz xa que é o Concello o que paga a luz e o mantemento do consultorio”.

Incidiu en que “non hai razóns obxectivas para que non se produza a reapertura total, parece unha decisión política” xa que “os usuarios do consultorio están máis seguros acudindo alí que se teñen que ir ata Guitiriz, porque se duplicaría o número de usuarios e polo tanto tamén a posibilidade de contaxio”.

A primeira concentración convocada pola veciñanza terá lugar diante do consultorio o próximo martes, 23 de xuño, ás 10 horas. Ademais, está previsto continuar cos movementos o xoves, desprazándose a Lugo.