O Concello de Guitiriz, a través da concellería de Igualdade, conmemorará o Día da Muller (8 de marzo) combinando unha serie de actividades presenciais e en liña para fomentar a participación da veciñanza e concienciar en igualdade.
A Biblioteca Pública Municipal ‘Casa Habanera’ será a encargada de coordinar a iniciativa denominada ‘Relatos 8M’ pola que os participantes deberán enviar do 6 ao 28 de marzo un pequeno texto, cunha extensión máxima de quince liñas, no que falen desa muller que, sen sabelo, foi ou pode ser unha referente para futuras xeracións. Estas pezas deben remitirse ao correo biblioteca@concellodeguitiriz.com
Ademais, do venres 5 ao lunes 8 de marzo, instalarase un mural na Praza do Campo da Feira para que calquera persoa poida plasmar nel o que lle gustaría berrar ou reivindicar no Día da Muller. A idea é ir amosando nas redes a evolución e o resultado final deste espazo.
Estas actividades e outras propostas difundiranse a través das redes sociais municipais, ás que se suma unha nova conta de Instagram denominada @guitirizigualdade e que foi creada co obxectivo de difundir á mocidade estas e outras iniciativas relacionadas coa igualdade durante todo o ano.
Estade atentas!
0 Comments
Leave A Comment