O Pleno do Concello de Guitiriz aprobou definitivamente a nova Ordenanza Municipal Reguladora do Servizo de Taxi, nunha sesión celebrada o pasado xoves na que a proposta contou cos votos favorables do PSOE e do PP e coa abstención do BNG.

Esta normativa ten como obxectivo establecer un marco común para o funcionamento do servizo público de taxi no municipio, ordenar a súa prestación e concretar diferentes aspectos relacionados coa actividade profesional, o uso das paradas, a organización dos horarios e os dereitos das persoas usuarias.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que o texto foi elaborado contando coa participación dos profesionais do sector, sinalando que “a ordenanza negociouse cos taxistas, porque consideramos importante coñecer a realidade do servizo e as necesidades de quen o presta diariamente”.

Morandeira incidiu tamén na importancia de aplicar a normativa atendendo ás circunstancias concretas do servizo e apelou ao “sentido común” na súa interpretación e aplicación.

Durante o debate plenario, os grupos da oposición solicitaron aclaracións sobre distintos aspectos da regulación. En relación coa prestación do servizo nas diferentes parroquias, a alcaldesa aclarou que as licenzas permiten traballar en todo o termo municipal de Guitiriz, sen limitacións territoriais por parroquias. Así mesmo, precisou que as licenzas están desvinculadas da súa titularidade orixinal e que cada taxista poderá continuar prestando o servizo nos lugares nos que xa o viña facendo.

Outro dos aspectos abordados foi a organización das quendas de traballo. A rexedora explicou que, se a súa elaboración corresponde ao Concello, estas serán públicas, mentres que, se existe un acordo entre os propios profesionais para organizalas, serán eles quen determinen a distribución, de acordo co previsto na ordenanza.

En canto ás infraestruturas destinadas ao servizo, a rexedora avanzou que a parada situada na rúa do Concello, xunto á Casa Consistorial, contará con dúas prazas máis de estacionamento. Para facelo posible, será necesario desprazar un paso de peóns.

A ordenanza recolle, entre outras cuestións, os requisitos para a obtención e conservación das licenzas, as condicións dos vehículos e das persoas condutoras, a contratación e inicio dos servizos, os horarios e as quendas de traballo, o réxime tarifario e os dereitos e deberes das persoas usuarias. Tamén establece o marco de inspección, control e réxime sancionador, atribuíndo á Policía Local funcións de vixilancia e inspección do cumprimento da normativa.

Na tramitación do documento recibíronse achegas de asociacións profesionais do sector e de titulares de licenzas. O Pleno resolveu as alegacións presentadas durante o período de exposición pública, desestimando as relativas á incorporación dunha parada en Buriz e a diferentes aspectos da organización e prestación do servizo, ao considerar que estas cuestións xa están reguladas pola normativa autonómica e pola propia ordenanza.