O Concello de Guitiriz conmemorou o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha andaina e unha concentración.

Esta actividade, á que se sumou a proxección do documental ‘En deuda con todas’ do pasado sábado 23 de novembro, formou parte da programación especial municipal por esta sinalada data.

A andaina deu comezo ás 17:00 horas desde a praza do Campo da Feira, cun percorrido dunha hora de duración aproximadamente que pasou pola contorna do río Forxá, Ponte Veiga e o paseo de Boedo, chegando novamente ao punto de saída.

Despois da andaina, as persoas participantes fixeron unha concentración na praza do Campo da Feira para ler un manifesto.