O goberno local do Concello de Guitiriz reuniuse hoxe, domingo 7 de febreiro, para tomar unha serie de medidas con respecto á evolución da situación epidemiolóxica polo aumento do número de positivos por COVID-19 no municipio, que segundo o último dato aportado é de 31 persoas, entre as que se atopan o peche do Punto de Atención á Infancia (PAI) e o Centro de Día.
O PAI quedará pechado co obxectivo de non correr riscos ao detectarse no centro un positivo por COVID-19. No caso do Centro de Día optouse polo peche por precaución e para protexer aos seus usuarios e usuarias, aínda que os traballadores continuarán acudindo para atender calquera cuestión que fose necesaria. Queda suspendido tamén o servizo de conciliación municipal, que se leva a cabo no comedor do CEIP Lagostelle na modalidade de mañá e tarde, para evitar posibles contaxios. Despois das vacacións de Entroido o goberno local avaliará a situación para retomar estes servizos se é posible.
Por outra banda, e co mesmo obxectivo, desde a dirección do CEIP Lagostelle tamén se decidiu suspender o servizo de comedor. Modifícanse ademais os horarios de transporte, que sairá do centro ás 14:50 horas polo que as familias terán que estar nas paradas a esa hora para recoller ao alumnado. Para os alumnos e alumnas do pobo mantense o mesmo horario de saída.
Cribado para detectar posibles asintomáticos
Ademais, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, solicitou ao Sergas que se leve a cabo un cribado nas zonas do Concello nas que se se está a dar unha maior incidencia da COVID-19 para detectar posibles asintomáticos.
Marisol Morandeira fixo un chamamento á veciñanza recomendando “desde o Concello que só salga das súas casas para o estritamente imprescindible e sempre tomando as medidas de prevención, só co esforzo de todos conseguiremos baixar a incidencia”.
0 Comments
Leave A Comment