O Concello de Guitiriz comezou cos traballos de renovación da sinalización da Ruta da Auga, e incluirá códigos QR nos paneis informativos. Incluirase ademais, un apartado no enderezo web municipal para consultar os datos máis relevantes desta singular senda.

Os traballos comezaron na contorna da ermida de San Alberte, e está previsto que finalicen a vindeira semana. As intervencións consisten na limpeza, acondicionamento e repintado de paneis informativos e símbolos indicadores nos sendeiros durante os case 20 quilómetros de duración deste camiño.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, sinala que ‘apostamos polo turismo seguro e de calidade, e por isto decidimos executar traballos de renovación na Ruta da Auga. Coa situación actual debido á incidencia da COVID-19, estamos a observar un aumento nas actividades de sendeirismo en pequeniños grupos, e coa instalación dos códigos QR favoreceremos ademais que, cun pequeno xesto, poidan coñecerse máis detalles do noso territorio’, apunta a rexedora.