O Concello de Guitiriz organiza a segunda edición da carreira virtual Guitiriz Termal solidaria. Nesta edición, que se celebrará do 12 ao 18 de abril, o obxectivo é recadar fondos para doalos a ‘Somos unidos por el Cáncer’, unha asociación fundada por un grupo de nais e pais con fillos (nenos e adolescentes) enfermos de cáncer e que traballa para axudalos a eles e á súa contorna.

O prazo para anotarse á proba xa está aberto na web oficial https://guitiriztermal.ccnorte.com/ e os que desexen participar poderán sacar o seu dorsal ata o último día, o 18 de abril. O prezo mínimo é de 2 euros pero a partir desa cantidade poderase facer un donativo a maiores.

A distancia a percorrer será de 5 quilómetros para a carreira e de 7 quilómetros para os que fagan a andaina. Co fin de facilitar a realización da carreira, propóñense uns percorridos pero pode facerse onde cada un queira.

Entre os participantes sortearanse 30 vales de 20 euros, doados polo Concello, para gastar na hostalería de Guitiriz. O sorteo terá lugar o luns 19 de abril no Concello e do 20 de ao 30 de abril poderán recollerse os vales no Concello presentando o DNI ou unha autorización firmada. No caso dos menores de idade deberán ser os pais os que o reciban. O prazo para gastalos rematará o 30 de maio de 2021.

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, explicou que “quixemos repetir esta iniciativa porque, a pesar da situación sanitaria actual, parécenos moi importante fomentar o deporte” e lembrou que “o máis importante é a natureza solidaria do evento, o ano pasado quixemos recadar fondos para facer fronte ás situacións de emerxencia social xeradas pola pandemia e este ano queremos facer a nosa pequena aportación ao traballo de ‘Somos unidos por el Cáncer’.