O Concello de Guitiriz levará a pleno este xoves, 31 de marzo, unha proposta de suplemento de crédito de 397.657,51 euros para financiar diferentes proxectos destinados á mellora de infraestruturas e servizos no municipio.

Na relación de investimentos, que conta con 19 epígrafes, destaca unha actuación valorada en 95.214,31 euros en total para mellorar a accesibilidade na rúa Tralouteiro renovando e ampliando as beirarrúas e creando un aparcamento disuasorio na zona. 

Ademais, no suplemento de crédito consígnase o crédito necesario (41.000 euros) para sufragar a parte da que o Concello tería que facerse cargo no proxecto de reurbanización da contorna do Castelo de Parga, para o que se solicitou unha subvención dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino. 

En canto ao saneamento, destínanse 14.481,80 euros para o proxecto de mellora da rede de augas residuais en Pardiñas, 36.000 euros para o novo convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil de mellora da EDAR, 22.214,72 euros para a reposición da canalización nas rúas do Concello e Boa Veciña e, por último, 31.542,72 euros para a mesma obra na rúa paralela á estación en Parga.

Para a mellora da seguridade viaria contémplanse 33.306,76 euros para a renovación de accesos en Pumariño, financiada a través do Plan Único da Deputación de Lugo, e 19.593,26 euros para os accesos dos Vilares, a través do Agader.

Tamén se reservan 27.045,78 euros para o contrato de mellora da iluminación pública nos Vilares, cofinanciado a través do IDAE, e 5.895,12 euros para a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos no Campo da Feira.

En materia medioambiental, destínanse 10.020,19 euros para a implantación dun punto limpo móbil de xeito conxunto co Concello de Xermade, 2.192,32 euros para continuar e mellorar o programa de compostaxe doméstico, e 7.666,04 euros para optar a dúas subvencións do Fondo de Compensación Ambiental (brigada de protección do medio ambiente e mellora da senda verde desde As Toxeiras-Labrada ata Pigaroa-Momán.

O suplemento de crédito tamén inclúe 9.059,46 euros para realizar unha renovación do illamento da Casa Barxa tralas obras acometidas recentemente neste espazo e 7.905,99 euros para continuar mellorando a nave do SENPA ata convertela nun completo centro deportivo e de ocio.

Por último, tamén se inclúe a consignación orzamentaria correspondente á ARI de O Buriz e Os Vilares e ao proxecto de rehabilitación de accesos e lavadoiro no Camiño de Santiago. 

Outros asuntos do pleno

A orde do día da sesión plenaria tamén inclúe, ademais das mocións que presentarán os diferentes grupos da corporación municipal, a aprobación definitiva da 7ª modificación da RPT e a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo aproveitamento especial de dominio público local por instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.