O Concello de Guitiriz critica a decisión do Sergas de pechar o consultorio de Parga en agosto e reclamará que durante ese mes se cubran as vacacións do persoal, como ocorre noutros centros de saúde e en calquera servizo público.
Desde o goberno local tamén amosan o seu malestar con que a Consellería de Sanidade tomase esta decisión sen dar ningún tipo de aviso nin explicación, simplemente colocando unha nota na porta do edificio e derivando a atención ao centro de saúde de Guitiriz.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinala que “por desgraza isto é un episodio máis da recorrente ausencia de médicos que estamos a sufrir no consultorio de Parga desde que se produciu a súa reapertura, que hai que lembrar que xa non foi total como eles mesmos prometeran”.
“Con este tipo de decisións os usuarios e usuarias do centro de saúde de Parga están sufrindo un deterioro progresivo do servizo co que si contaban ata o ano 2020, o Sergas debe tomar medidas dunha vez por todas, cumprir o prometido e devolver a normalidade ao funcionamento deste centro de saúde”, destaca Morandeira.
0 Comments
Leave A Comment