O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez, visitaron hoxe Guitiriz para coñecer de primeira man as actuacións de mellora executadas nas instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). Este proxecto estivo impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica cunha subvención de 261.920 euros.
Acompañados pola alcaldesa, Marisol Morandeira, e a tenente de alcaldesa, Paula Campo, comprobaron o resultado dunhas obras que posibilitan un importante incremento da eficiencia e sustentabilidade do servizo, diminuíndo a factura de electricidade que ten que asumir a administración local.
Estas mesmas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para mellorar a eficiencia enerxética tamén permitiron ao Concello de Guitiriz acometer a renovación de parte do alumeado público municipal. Neste caso, o Goberno concedeu a Guitiriz preto de 270.000 euros para desenvolver dous proxectos de instalación de luces tipo LED e renovación de instalacións e cadros eléctricos.
A rexedora, Marisol Morandeira, agradeceu “a colaboración e asesoramento tanto da Delegación como da Subdelegación do Goberno ao Concello á hora de poñer en marcha proxectos de mellora no municipio”. Neste sentido, asegurou que o obxectivo do goberno local pasa por “asegurar a calidade de vida en Guitiriz e nas súas parroquias e favorecer o asentamento de poboación”.
Pola súa banda, José Miñones felicitou á alcaldesa “polo traballo que se está a realizar no municipio, especialmente no ámbito enerxético cun conxunto de actuacións que permiten un aforro para as arcas locais de 45.000 euros anuais na factura da luz e 130 toneladas menos de emisións de CO2 á atmosfera”.
Logo da visita á Estación de Tratamento de Auga Potable, José Miñones e Isabel Rodríguez desprazáronse ata a Casa do Concello para reunirse tanto co goberno local como coa corporación municipal. Nesas xuntanzas abordáronse as principais problemáticas en materia de infraestruturas, promoción económica e servizos para a poboación, así como posibles solucións a poñer en marcha.
0 Comments
Leave A Comment