O domingo 11 de maio volve o programa ‘Guitiriz en Ruta’ coa que será unha das saídas máis especiais da sétima edición do programa de sendeirismo das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Guitiriz. Nesta ocasión, realizarase a ruta ‘Camiños de Caión’, no Concello da Laracha, cunha andaina que se realizará coa colaboración da Asociación Ambiental Senda Nova.
Conta cun itinerario que durará todo o día, coa saída programada ás 8:30 horas desde a praza do Campo da Feira de Guitiriz, mesmo punto onde será a chegada en torno ás 19:00 horas. Por iso, as persoas participantes terán que levar comida e bebida propias, xa que se fará unha pausa para xantar durante a andaina. A ruta dos Camiños de Caión, que atravesa A Laracha e Carballo, contra cun percorrido de 14 quilómetros de dificultade baixa.
As inscricións estarán abertas ata o xoves 8 de maio ás 15:00 horas, podendo formalizarse de xeito presencial no Concello ou chamando por teléfono ao 982 37 01 09. Como é habitual, a ruta é aberta ao público en xeral, pero os menores terán que ir acompañados dunha persoa adulta.
Ao tratarse dunha andaina fóra do concello de Guitiriz, as inscricións son de pago, aínda que teñen un prezo diferente ao habitual ao tratarse dunha colaboración coa Asociación Ambiental Senda Nova. Así, as persoas empadroadas terán que pagar un prezo de 11 euros (6 euros da andaina de Senda Nova, con prezo de socio, e 5 euros por ser un percorrido fóra de Guitiriz), os non empadroados 16 euros (6 de Senda Nova e 10 de percorrido fóra do municipio) e os menores de idade 4 euros (prezo de Senda Nova).
0 Comments
Leave A Comment